O GROVE, TERRA DO MECO Por: José Miguel Besada Fernández

A LENDA

É en O Grove, o pobo concreto da lenda, onde o Meco tiña os seus dominios, exercía o seu despotismo, onde foi axustizado, . . . en fin, onde este mito ten a súa historia.

Conta a lenda de que o Meco era un crego non galego, déspota, que dominaba a todo o pobo e ó que se atribuía o dereito de pernada ( durmir cunha noiva a noite anterior ó seu casamento). Viviu nunha época alá polo século XV ou XVI, tempos nos que a situación da bisbarra era crítica, debido a certos acontecementos determinantes, coma a conversión dos dereitos de avoengo en forais, contendas sobre dereitos de dominio da pesca, as guerras irmandiñas, a peste, . . ., e na que a ambiciosa caste dominante exercía un poder abusivo.

Un día, xogando unha das habituais partidas de cartas, perdeu con un mozo que era moi apreciado e respectado polos veciños e, sentíndose humillado por este feito, desafiou ó mozo dicíndolle: - “ Si, alégrate hoxe que eu xa me alegrarei mañá coa túa moza”.

Decatándose os veciños e, sentíndose unha vez máis ofendidos por este feito, cansos xa de tantos abusos, decidiron ir a por el e colgárono nunha figueira no monte da Siradella, sito na entrada da península, para así mostrarlle ós visitantes o que se fai no pobo de O Grove ós personaxes que, con métodos chulescos e despóticos, queren asoballar á xente.

Chegando despois a Xustiza para esclarece-los feitos e castigar ó criminal, preguntaba o xuíz:

-  ¿ Quen matou o Meco ?.

- ¡ Matámolo todos !

Velaquí a famosa lenda do Meco que aínda de que non haxa datos históricos de que sucedera, é asumida polo pobo de O Grove coma un feito real.

 

O MECO : PERSONAXE DE LENDA

Máis por tradición oral que escrita, o mítico Meco perdura desde tempos inmemoriais ata hoxe coma un ser funesto, ruín, sen escrúpulos, poderoso para o mal, coma se fora o demo personificado, odiado por todos; unha maldición á que se lle ahí que elimina-lo seu espírito maligno. Hoxe en día existen zonas de Galicia nas que, para amedrentar ós meniños cando choran dinlles: “ Cala que vén o Meco e leva ós rapaces que choran . . .”; tamén no tradicional mércores de cinza celebran o rito de queimar ó Meco para así librarse das calamidades e desgracias que poidan vir deste fatídico personaxe.

Sen embargo non son poucas as referencias escritas que aluden dalgún xeito á existencia deste personaxe, algunhas das cales imos citar aquí:

 Así o Meco aparece nomeado nas coplas satíricas de Mingo Revulgo, no século XV:

        “ Ni del otro tartamudo – ni del Meco, moro agudo; todo va por una vía . . .”

                         Tamén no século XVIII, o prolífico cura de Friume ( parroquia de Lousame ), D. Diego A. Cernadas xa falaba do Meco nesta glosa:

 

“El Meco monstruo fingido

fue, pero si cierto fue

y tal cual pintan ¿ por qué

no ha de ser aborrecido?

él por allá concebido

ha sido en país más seco

con que sea o no embeleco,

le deben tener allápues es de allá más que acá,

odio inextinguible al Meco”.

O P. Sarmiento no seu “ Discurso sobre el chasco que injustamente se da a los gallegos diciéndoles que perdonen ó Meco”, cre que esta lenda é unha superstición mahometana baseada na crenza de que os que viaxaban á Meca quedaban santificados e tiñan o privilexio de cometer toda clase de abusos incluso o adulterio.

É de destacar a alusión de Montero Ríos, recollida no periódico “ El Liberal ” o 20 de setembro de 1898 sobre a lenda do Meco:

      “ En una aldea de mi tierra, mataron a un sujeto, llamado Meco. La justicia andaba desesperada, buscando al asesino y sin poder encontrar ni un indicio, ni un rayo de luz. Como primera providencia metió en el juzgado, sito en la cárcel, a todos los vecinos varones. Ya que los tuvo encerrados, fue sacándolos uno a uno y sometiéndolos a igual indagatoria:

-   ¿ Quién mato o Meco ?

-    ¡ Matámolo todos !

Da maioría destes escritos, sacados en épocas nas que as supersticións e as tradicións era lei de vida, dedúcese que este mítico personaxe no era galego, senón un mozo imaxinario, símbolo da maldade, da picardía e dos malos augurios.

O SEÑOR FEUDAL

O feito cultural máis importante levado a cabo en o Grove foi, sen lugar a dúbidas, a creación e representación da obra “O Señor Feudal”, "zarzuela" escrita  por Francisco Franco Calvete con música composta por Juan Fernández e José Besada, na que se escenifica dun xeito moi popular a lenda do Meco.

Esta sinxela e fermosa obra teatral foi escrita no ano 1930. Era unha época difícil para un pobo no que aínda non había luz eléctrica e a economía de subsistencia. O contacto coas actividades culturais doutros pobos era practicamente inexistente, salvo algunhas pequenas compañías de artistas ( cupletistas e comediantes ) que naquel tempo eran relativamente frecuentes e que ían percorrendo os pobos para facer representacións. Esta necesidade creativa nun pobo que tradicionalmente tiña unha grande afección polo teatro e á música, que eran as grandes manifestacións artísticas dese tempo, e o entusiasmo da Agrupación Artística Minerva, foron fundamentais para levar a cabo ese proxecto que determinante para a cultura popular de O Grove.

Esta obra é interesante, non só na súa faceta cultural, senón tamén no aspecto antropolóxico e non só polo feito de revivir a lenda do Meco, senón porque nela se amosan tamén os costumes e crenzas da época na que foi escrita. Así aparecen “as fiadas”, de cando as mulleres estaban atando os aparellos e ían para alí os mozos para murmurar, a Santa Compaña, o caciquismo, o servilismo dos ignorantes e ruíns, . . ., todo propio das aldeas daquel tempo.

A FATALIDADE,  O ESPIRITO DO MECO E AS SUPERSTICIÓNS

A escenificación de “O Señor Feudal”, tan esperada polos actores como por todo o pobo, estivo presidida por unha serie de acontecementos que fixeron revivi-los efectos fatais do espírito maligno do Meco. A superstición propia das circunstancias socio – culturais daquel tempo fixo efecto nos veciños, crendo que a maldición do Meco estaría presente sempre no pobo cando na realidade foi unha coincidencia fatal:

Poucos días antes da súa estrea, que ía a se-lo 22 de decembro de 1930, morre Da. Josefa Otero, tía avoa de dous dos principais protagonistas da obra, os irmáns Xosé e Xacobo Barral, polo que a houbo que aprazar. Foi o primeiro aviso.

A superstición non fixo efecto nos membros da Agrupación Minerva que decidiron estrea-la obra o 22 de xaneiro de 1931, pero o 18 do mesmo mes falece o autor, Francisco Franco Calvete. É aquí cando entrou o medo nos membros da Agrupación que quixeron destruí-lo libro e a música para quedar libres deste maleficio.

Pero o tesón de Emilio Franco, irmán do autor, consigue con moitas dificultades convencer ós actores para levar a cabo a súa estrea. E . . . outra vez volve a fatalidade. Un dos principais actores, o mozo Manuel Núñez Vilariño falece. Con isto  a maldición do Meco xa se converte en indiscutible para as xentes de O Grove. Máis de novo a vontade de Emilio Franco, artífice de que non desaparecera esta obra, consigue que por fin se celebre a estrea o 5 de Marzo de 1931 no emblemático Teatro Besada; pero o 14 de Febreiro do ano seguinte morre quen conseguira estrea-la obra: Emilio Franco Calvete, irmán do autor.

A fatalidade, os difíciles anos da República, a Guerra Civil, a Dictadura e os anos da fame, aparcaron a representación da obra pero non os comentarios sobre a maldición do Meco.

Pasados este anos críticos, aparcada momentaneamente a maldición e baixo o interese e bo facer do veciño F. García Moldes, conseguiuse reagrupar á Asociación Minerva coa finalidade de volver a representa-la obra que tería lugar o 5 de Marzo de 1948, xusto ós dezasete anos da súa estrea e no mesmo Teatro.

Pero . . . o espírito do Meco volveu. Nun dos ensaios unha forte descarga dun raio fixo estremecer ós actores, entrándolle-lo pánico; pero a representación levouse a cabo nesa data, acadando un éxito histórico e memorable.

Ó cabo de dous meses desta segunda representación falecía, de morte violenta (dun disparo de arma de fogo), o promotor desta segunda representación de “O Señor Feudal”.

Os poderes infernais do Meco seguían presentes na superstición do pobo e non se volta a representar ata o Nadal do 1969. Dende esa data representouse varias veces con diferentes grupos de artistas sen que houbera que lamentar desgracias, pasando xa definitivamente ó campo da anécdota os sucesos fatídicos do espírito do  Meco.